Tuesday 30 de April de 2024

A Xunta organiza nos concellos de Santiago de Compostela e Ames un simulacro de incendio forestal para ensaiar a coordinación dos efectivos de emerxencias mobilizados


— O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, e o director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez, participaron neste exercicio que permitiu probar a activación do Plan especial de protección civil ante emerxencias por incendios forestais na Comunidade Autónoma de Galicia (Peifoga)

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, e o director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez, participaron esta mañá nos concellos de Santiago de Compostela e Ames nun simulacro de activación do Plan especial de protección civil ante emerxencias por incendios forestais na Comunidade Autónoma de Galicia (Peifoga), inicialmente en situación 1 e pasando a situación 2 por un incendio que se inicia no nucleo de Roxos, na parroquia de Villestro de Santiago de Compostela con ameaza ao núcleo de Aldea Nova, na parroquia de Ortoño, do municipio de Ames. Ao exercicio asistiron o xerente da Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA), Marcos Araújo, e o delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor.

Santiago Villanueva destacou que con este exercicio simulouse unha emerxencia provocada por un incendio forestal co obxectivo de avaliar a resposta coordinada dos diferentes efectivos participantes aplicando os plans de emerxencia. Deste xeito, con este simulacro preténdese comprobar que os procedementos de traballo e os medios humanos e materiais operasen con total coordinación. O resultado foi positivo por parte de todos os axentes participantes.

O simulacro permitiu ademais avaliar a operatividade do Peifoga e a súa coordinación co Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia (Pladiga), así como adestrar o sistema de comunicacións baseado na rede TETRA, informar á poboación sobre as medidas a seguir en situacións deste tipo ou comprobar a activación dos plans de actuacións municipais.

Ademais, os participantes adestraron as tarefas que nestes casos debe desenvolver o persoal dos diferentes grupos operativos e centros de coordinación, mando e control. Estes exercicios contribúen a reforzar a coordinación e mellorar a resposta do dispositivo fronte ao lume e todos os profesionais actúan baixo o mando único da Xunta, tal e como establece o Pladiga.
Detalles do simulacro
O simulacro comezou ás 08,45 horas, e baseouse nun suposto lume entre os lugares de Roxos, na parroquia de Villestro do concello de Santiago de Compostela e a urbanización de Aldea Nova, na parroquia de Ortoño do municipio de Ames, afectando a vivendas do núcleo de Villestro.
Inicialmente, activouse o Plan Especial de Protección Civil ante Emerxencias por Incendios Forestais na Comunidade Autónoma de Galicia (Peifoga), en situación 0, e posteriormente dada a evolución do lume pasouse a situación 1 e a situación 2 por risco para as persoas na urbanización de Aldea Nova, activándose o Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia (Pladiga) coa mobilización dos diferentes Grupos Operativos.
No simulacro interveu persoal e medios do Servizo de prevención de incendios forestais de Galicia (SPIF), como técnicos, axentes ambientais, brigadas contraincendios e motobombas, así como bombeiros do Santiago, Bombeiros do Consorcio Provincial Contraincendios e Salvamento da Coruña, persoal dos GES de Brión e Padrón, Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil (AVPC) de Santiago e Ames, persoal do concello de Santiago e Ames, Policía Nacional, Garda Civil, Policía Autonómica, Policía Local de Santiago e Ames, 061, representantes da delegación do Goberno e persoal e medios da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, en concreto da Unidade do Grupo de Apoio Loxístico da Axega.
O Posto de Mando Avanzado (PMA) e o Centro de Recepción de Medios (CRM) establecéronse no campo de fútbol de Villestro.
Durante o simulacro realizáronse accións relativas á evacuación das vivendas próximas á gasolineira de Villestro e na urbanización de Aldea Nova co posterior alonxamento dos mesmos. Tamén se realizaron cortes na Estrada AC-543 e control de accesos da zona.
Na intervención tiveron que participar medios sanitarios para atender a unha das persoas evacuadas por dificultades respiratorias e a un bombeiro forestal que resultou ferido nas tarefas de extinción.
Ás 13,00 horas a situación do simulacro do lume deuse por controlada, sen perigo para as persoas e os bens, dándose por desactivada a situación 2, coa finalización do exercicio.